Saturday 18 de May de 2024

A Xunta presenta en FITUR o percorrido de la Vuelta 21 en Galicia nunha edición especial que remata no Obradoiro neste Xacabeo


O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que a competición converterase nun escaparate perfecto para dar a coñecer a comunidade como destino turístico a nivel internacional neste Ano Santo Dobre

Animou a visitar a comunidade e desfrutar en primeira persoa dun destino seguro, sostible e de calidade, da experiencia do Camiño de Santiago e das paisaxes da Ribeira Sacra ou as Rías Baixas que se verán durante a retransmisión da proba

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na presentación na Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid do percorrido pola xeografía galega das 3 últimas etapas de “La Vuelta 21”. Trátase dunha edición especial que entre o 3 e o 5 de setembro permitirá amosar a comunidade en todo o seu esplendor a través das paisaxes da Ribeira Sacra ou as Rías Baixas atravesando tamén lugares de paso das distintas rutas xacobeas.

Ademais, na etapa final emulará os pasos que seguen os peregrinos no tramo final antes da súa chegada a Compostela entre Padrón e a praza do Obradoiro, onde rematará este ano a proba raíña do ciclismo en España.

Alfonso Rueda destacou que a competición converterase no escaparate perfecto para amosar Galicia en todo o seu esplendor e promocionar o turismo galego e o Camiño de Santiago en todo o mundo debido ao seu impacto mediático. Por iso, animou a visitar Galicia e desfrutar en primeira persoa da experiencia do Camiño e das paisaxes que se poderán ver a través das retransmisións das 3 etapas que percorrerán a comunidade galega.

Deste xeito, sinalou que Galicia ten moito que ofrecer neste Ano Santo Dobre cun destino seguro, de calidade e sostible ao que volven os que visitan a comunidade porque é o mellor lugar do mundo. Ademais, engadiu que cumpre cos valores que están a demandar os turistas na actualidade debido á covid-19 con espazos abertos e en contacto coa natureza.

Nesta edición de 2021 a proba atravesará na súa antepenúltima etapa o 3 de setembro os concellos de Monforte, Lugo e Sarria para continuar polas Rías Baixas desde Sanxenxo a Mos pasando por Pontevedra, Redondela, O Porriño e Baiona deixando para a contrarreloxo individual do domingo 5 de setembro o tramo de Padrón a Santiago de Compostela, para chegar como tódolos peregrinos á porta da Catedral compostelá.
No acto de hoxe tamén estiveron presentes alcaldes de municipios de saída e chegada das tres etapas pola comunidade xunto coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e o director xeral de La Vuelta, Javier Guillén.
Durante a súa intervención, o vicepresidente primeiro lembrou que o reto da Xunta é seguir reforzando a imaxe de que Galicia é un destino seguro. Coa posta en marcha do seguro coronavirus, que conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros, o obxectivo é que os viaxeiros que se acheguen á comunidade se sintan seguros coa cobertura dos seus gastos sanitarios, de aloxamento ou transporte ante un posible contaxio.

O seguro coronavirus, busca tamén a recuperación do sector turístico e súa posta en marcha é tamén unha medida de apoio ás axencias de viaxes e ás empresas do sector, que poderán ofertar Galicia como destino seguro aos seus clientes.

Ademais, a Xunta ten en marcha iniciativas de fomento do consumo interno como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que tivo unha gran acollida ao esgotarse as tarxetas en só 12 horas, xunto coa reactivación do programa Elixe Galicia. Entre ambas iniciativas a Xunta prevé inxectar 10 millóns de euros no sector turístico para axudarlle na súa reactivación.